Adestradores do Club de Rugby de Ourense aproveitaron o programa ao que facemos referencia no título para achegarse ás nosas instalacións e dar a coñecer este deporte ao noso alumnado.
Cada curso da ESO participou nunha sesión na que puido ter unha primeira toma de contacto cos aspectos básicos do rugby. O alumnado aprendeu como correr co balón, cara a onde debía pasar, como realizar unha placaxe e cales son os principios básicos da competición. Sobre todo, gozou dunha sesión práctica que rematou, como broche final, coa entrega dunha camiseta de agasallo.
Aproveitamos este medio para agradecer tanto ao alumnado como ao Club de Rugby de Ourense a súa implicación e dedicación nesta actividade.







