Outra das actividades de promoción deportiva incluídas no programa XOGADE é a de voleibol dirixida ao alumnado de 3º da ESO. Aproveitando esta oportunidade, desprazámonos ata o IES Otero Pedrayo de Ourense, onde coincidimos con numerosos centros educativos, chegando a participar arredor de 600 alumnos e alumnas.
Durante toda a mañá disputáronse partidos mixtos de catro contra catro, nos que o principal obxectivo foi gozar deste deporte colectivo. O noso alumnado viviu unha xornada moi enriquecedora, na que puido divertirse, convivir con estudantes doutros centros, adquirir novos coñecementos sobre esta disciplina deportiva e fortalecer as relacións entre iguais.
Para rematar, queremos salientar o excelente comportamento e a implicación do noso alumnado, así como agradecer á Consellería de Educación a posta en marcha de iniciativas coma esta, que fomentan a práctica deportiva e o desfrute da actividade física.







