En Educación Física dedicamos unhas poucas sesións a superar as probas de aptitude física. O alumnado as realiza en diferentes ocasións ao longo da súa educación obrigatoria. Pero, por qué?
A Educación Física busca unha educación integral do alumnado, e é unha das poucas materias do currículo que incide directamente na saúde, ao universalizar o movemento a toda a poboación (independentemente da clase social, dos recursos económicos…).
A relación entre a actividade física e a saúde é bidireccional e está mediada, en gran parte, por melloras na condición física relacionada coa saúde (Bouchard et al., 2007). Polo tanto, a actividade física regular ten un efecto favorable sobre a saúde, e este efecto é maior na medida en que permite acadar niveis adecuados de aptitude física.
O uso de probas de aptitude física está amplamente apoiado na evidencia científica (Clavel San Emeterio et al., 2023): son un diagnóstico fundamental de saúde e aptitude física, xa que permiten situar á persoa en relación a unha mostra das súas mesmas características, para facerlle consciente de que aspectos da súa condición física hai que mellorar.
O feito de repetir varias veces as probas permite unha comparación cun mesmo/a, sendo esta visión formativa (de superación persoal) unha das que máis nos interesa. A potenciación do esforzo, en función das posibilidades de cada persoa, e o autocoidado da saúde, é un dos aspectos de maior interese dende o punto de vista educativo.
BIBLIOGRAFÍA
Bouchard, C., Blair, S. N. e Haskell, W. L. (2007). Physical activity and health. Champaign: Human Kinetics.
Clavel San Emeterio, I., Iglesias-Soler, E., Giráldez García, M., Rodríguez, M., Rúa-Alonso, M., Rial-Vázquez, J., . . . Castro, J. (2023). Guía dafis. Valores normativos da condición física na poboación escolar galega.