O venres 8 de novembro celebrouse o magosto do IES San Mamede, e como é tradición no centro educativo, acompañado de fútbol.
O día comezou cun gran partido de fútbol feminino cheo de emocións. O encontro desenvolveuse durante os dous recreos ordinarios. Independentemente da victoria, o feito de que as alumnas se animaran a participar no torneo xa é un acontecemento a celebrar. Esperamos que haxa moitas máis ocasións.
Ás 12:30h. transcorreu a gran final do torneo de fútbol masculino do presente curso académico, desenvolto durante os recreos das primeiras semanas de novembro e organizado polo alumnado de 4º ESO coa colaboración do Departamento de Educación Física. Durante case unha hora de partido, a afección non parou de animar a ambos equipos. Finalmente, e tras un axustado resultado no marcador final, o equipo de 2º de BAC conseguiu a vitoria do partido nos penaltis.
Desde o Departamento de Educación Física e desde o centro educativo, queremos felicitar aos equipos gañadores, e a todo o alumnado participante, xa que sen a súa presenza isto non sería posible.
Posteriormente o alumnado gozou dun pequeno petisco característico desta festa popular, acompañado de música.
Finalmente, queremos agradecer ao alumnado de 4º de ESO, que organizou este magosto e o torneo co obxectivo de axudar o financiamento da excursión á Andorra, que terá lugar ao final do segundo trimestre.