O luns 27 de maio, o alumnado de 3º ESO e 1º BAC dirixiuse ao encoro de Castrelo de Miño para practicar diversos deportes náuticos, actividade relacionada coa unidade didáctica de actividades no medio natural.
Esta actividade, desenvolta polo Club Náutico de Castrelo de Miño, permitiu que o alumnado practicara actividades deportivas que debido ás súas características non permiten desenvolverse no propio centro educativo.
O programa educativo buscou inculcar ao alumnado a importancia do respecto aos demais, de traballar en equipo, de valoración do patrimonio etnográfico-cultural e natural, así como, a necesidade de conservar activamente o medio ambiente ao asumilo como lugar para a práctica deportiva.
A actividade, organizada nunha sesión de 3,5 horas, foi unha primeira toma de contacto para gran parte dos estudantes, que nunca antes tiveran relación con este tipo de disciplinas deportivas. Neste caso, tiveron a oportunidade de realizar kaiak, piragüismo-dragón e paddle surf.
Desde o Departamento de Educación Física, quérese dar visibilidade a un gran número de actividades deportivas para enriquecer, con variadas experiencias, a base motriz do alumnado. Queremos agradecer o involucramento do noso alumnado nesta actividade deportiva de carácter lúdico.
Continuamos coa vida activa e deportiva!