Durante estes últimos meses de curso, aproveitando que as condicións meteorolóxicas adoitan ser favorables, o alumnado puido realizar algunhas sesións de Educación Física na contorna máis próxima do centro educativo.
O alumnado de 1º e 2º ESO practicou sendeirismo pola zona, mentres que os cursos máis superiores (de ESO e Bacharelato), iniciáronse na práctica da orientación deportiva.
Estas unidades didácticas permiten traballar de maneira específica o sexto bloque, «Interacción eficiente e sostible coa contorna», no que se incide na interacción co medio natural e urbano desde unha tripla vertente: o seu uso desde a motricidade, a súa conservación desde unha visión sostible e o seu carácter compartido desde unha perspectiva comunitaria da contorna.
O propio medio urbano e natural é un magnífico escenario para a práctica de actividades deportivas, de maneira que calquera persoa pode practicar actividades físico-deportivas e fomentar o lecer activo e sostible.
