
Comunicación conxunta ás familias sobre disciplina e convivencia no centro
Prezadas familias,
O Claustro de profesorado, co aval das representantes de nais e pais no Consello Escolar e da directiva da ANPA, queremos trasladarlles unha preocupación compartida en relación co mantemento da orde e da disciplina que está afectando gravemente tanto á convivencia no día a día do centro coma aos resultados académicos dunha parte do alumnado.
Interferencia na xestión disciplinaria do centro:
Nos últimos tempos, vimos detectando unha tendencia preocupante dalgunhas familias a interferir na xestión disciplinaria do centro, chegando a cuestionar non só as Normas de Organización e Funcionamento, senón tamén a imposición das sancións derivadas do incumprimento das mesmas. Nalgúns casos, preténdese decidir o tipo de sancións que se deben aplicar, graduar a gravidade das condutas contrarias á convivencia cometidas polo alumnado e mesmo esixir unha demostración irrefutable da veracidade das declaracións do profesorado implicado, obviando a figura de autoridade pública que representa.
A importancia das normas na formación do alumnado:
Queremos lembrar que as Normas de Organización e Funcionamento foron establecidas conforme á normativa vixente, garantindo un ambiente seguro, respectuoso e adecuado para a aprendizaxe. O profesorado e o persoal do centro aplican estas normas con responsabilidade e xustiza, buscando non só a formación académica do alumnado, senón tamén inculcar valores de convivencia e respecto fundamentais para o seu futuro. Comprendemos a preocupación das familias polo benestar dos seus fillos e fillas, pero é esencial recordar que compartimos un mesmo obxectivo: preparar o alumnado para o futuro. Neste proceso de crecemento, o cumprimento de normas e a asunción de responsabilidades e consecuencias resulta clave para o seu desenvolvemento persoal e social.
Impacto negativo da constante oposición ás decisións do centro:
A intervención constante para cuestionar as decisións do centro xera un clima de conflito innecesario que dificulta o labor educativo e a correcta xestión do IES. Ademais, transmite ao alumnado unha mensaxe contraditoria que afecta claramente na asunción das súas responsabilidades e no cumprimento das normas establecidas, provocando reaccións de rebeldía e de negación fronte a comportamentos inadecuados.
Importancia da colaboración, o diálogo e a unidade para unha convivencia positiva:
Por todo isto, pedimos a súa comprensión e colaboración para manter un marco de convivencia axeitado, baseado na confianza mutua entre familias e equipo docente. Consideramos fundamental a unidade de acción entre todos os axentes educativos para crear un contorno enriquecedor e coherente que promova o desenvolvemento integral do alumnado. Reiteramos a nosa disposición ao diálogo sempre que este se desenvolva dentro das canles establecidas e cunha actitude construtiva que favoreza o benestar e o progreso educativo dos nosos alumnos e alumnas.
Lembramos que as propostas de modificación das Normas de Organización e Funcionamento deben presentarse por escrito perante a Dirección do centro e que poden canalizarse a través dos representantes do alumnado (delegados e delegadas), da ANPA ou directamente no Consello Escolar, seguindo os mecanismos establecidos para a participación da comunidade educativa na toma de decisións.
Agradecemos de antemán a súa implicación e colaboración para continuar facendo do noso centro un espazo de aprendizaxe e convivencia positivo para toda a comunidade educativa.
Atentamente,
O claustro de profesorado
As representantes de nais e pais no consello escolar
A directiva da ANPA