Algunha vez te preguntaches que significan os números que aparecen nas etiquetas dos libros? Non son unha clave secreta: son parte da CDU, a Clasificación Decimal Universal, un sistema que permite organizar os libros por temas e atopalos máis facilmente.
Funciona como un mapa: o 5 lévate ás ciencias e ás matemáticas; o 7, á arte, á música e aos deportes; e o 9, á xeografía e á historia. Así, os libros de temas semellantes quedan xuntos nos andeis.
Estes códigos forman parte da etiqueta que atoparás na parte inferior do lombo de cada libro e axudan a indicar onde colocalo. É coma o seu enderezo dentro da biblioteca!
A próxima vez que busques un libro, fíxate nos carteis dos andeis e na súa etiqueta. Menos voltas e máis descubrimentos!
