Información complementaria ás follas de matrícula
Esta páxina completa e desenvolve a información incluída nas follas de matrícula, detallando de forma clara as condicións de permanencia no centro e as autorizacións solicitadas. É necesaria a súa lectura detida antes de asinar o documento impreso.
A sinatura da matrícula física implica que as persoas proxenitoras e/ou titoras legais, ou o propio alumnado no caso de ser maior de idade, declaran ter lido e coñecer as condicións establecidas nesta páxina. Así mesmo, declaran ter lido e comprender o alcance das autorizacións que se recollen nela, asumindo a responsabilidade que poida derivarse da súa concesión nos termos indicados.
Sinatura da matrícula: Deberán asinar o/a alumno/a e as dúas persoas proxenitoras ou titoras legais no caso de alumnado menor de idade.
Será suficiente unha única sinatura nos supostos de falecemento dun dos proxenitores, familias monoparentais ou cando a patria potestade corresponda legalmente a unha soa persoa.
Nas follas de matrícula inclúense unicamente as materias que son obxecto de elección por parte do alumnado.
O deseño curricular completo de todos os cursos, incluíndo as materias obrigatorias, as materias de elección e a carga horaria correspondente a cada unha delas, pode consultarse detalladamente na seguinte ligazón:
Consultar o deseño curricular completoAlumnado de ESO / FPB
No momento en que se asina a matrícula física, as persoas proxenitoras e/ou titoras legais do/a alumno/a (en diante, persoas responsables legais) autorizan e declaran coñecer o seguinte:
As persoas responsables legais declaran ser coñecedoras de que o/a alumno/a ten a obriga de asistir a todas as clases, debendo permanecer no centro durante toda a xornada lectiva.
En ningún caso poderá abandonar o centro durante o horario lectivo pola súa conta, agás que sexa recollido por unha persoa responsable legal ou por algunha das persoas expresamente autorizadas na folla de matrícula.
Así mesmo, as persoas responsables legais:
- Autorizan a que o/a alumno/a poida saír só/soa do centro unicamente ao rematar a xornada lectiva.
- Autorizan a que o/a alumno/a participe nas actividades lectivas, complementarias e/ou extraescolares que se desenvolvan en horario lectivo dentro das dependencias do centro ou no seu contorno exterior, baixo a supervisión directa do profesorado responsable en todo momento, sempre que o desprazamento se realice polos seus propios medios e non sexa necesario o uso de ningún medio de transporte.
Alumnado menor de idade de Bacharelato / SMR / DAM
No momento en que se asina a matrícula física, as persoas proxenitoras e/ou titoras legais (en diante, persoas responsables legais) declaran coñecer o seguinte:
O/a alumno/a ten a obriga de asistir a todas as clases e de permanecer no centro durante toda a xornada lectiva, agás nos supostos expresamente autorizados conforme ao indicado na folla de matrícula.
En ningún caso poderá abandonar o centro durante o horario lectivo pola súa conta, salvo nos casos en que exista autorización expresa conforme ao indicado na folla de matrícula.
Así mesmo, na propia folla de matrícula, as persoas responsables legais poderán autorizar ou non as seguintes situacións:
- Que o/a alumno/a poida abandonar só/soa o centro nas últimas sesións lectivas consecutivas, en caso de ausencia do profesorado que imparte docencia nesas horas.
- Que o/a alumno/a se incorpore na primeira hora lectiva na que estea presente o profesorado da materia, cando se teña coñecemento da ausencia do profesorado que imparte docencia na/nas primeira/s hora/s.
- Que o/a alumno/a poida saír só/soa do centro durante os recreos.
- Que o/a alumno/a poida saír só/soa do centro en caso de indisposición.
No caso de autorizar algunha destas situacións, as persoas asinantes na matrícula (persoas responsables legais) asumen a responsabilidade correspondente durante os períodos indicados e eximen á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de calquera responsabilidade por danos ou lesións indemnizables que o/a alumno/a poida sufrir nese tempo.
Alumnado maior de idade de Bacharelato / SMR / DAM
No momento en que se asina a matrícula física, o alumnado maior de idade, declara coñecer o seguinte:
O/a alumno/a ten a obriga de asistir a todas as clases.
En ningún caso o alumnado maior de idade poderá abandonar ou acceder ao centro durante o horario lectivo no transcurso das clases. Calquera entrada ou saída deberá realizarse exclusivamente entre sesións lectivas.
No caso de que o/a alumno/a maior de idade abandone o centro durante o horario lectivo, farao baixo a súa exclusiva responsabilidade, eximindo á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de calquera responsabilidade por danos ou lesións indemnizables que poida sufrir durante ese período.
No apartado correspondente do impreso de matrícula física, as persoas proxenitoras e/ou titoras legais, ou o propio alumnado no caso de ser maior de idade, poden autorizar ao IES San Mamede á captación e difusión de imaxes, fotografías, vídeos e demais material gráfico (en diante, as imaxes) do/a alumno/a, coa finalidade exclusiva de difundir e promocionar as actividades educativas, culturais, deportivas, conmemorativas ou institucionais organizadas polo centro, tanto dentro como fóra das súas instalacións.
A publicación das imaxes poderá realizarse a través das canles oficiais de comunicación do centro, tales como a páxina web ( www.iessanmamede.com ), redes sociais institucionais ( Instagram , Facebook ), documentos ou memorias de actividades, revista do centro, medios de comunicación, así como en trípticos, carteis ou montaxes multimedia relacionadas coa actividade educativa.
Para tramitar a solicitude de comedor, será necesario encher o formulario correspondente que se achega coa matrícula.
Google Workspace for Education
Google Workspace for Education é un conxunto de aplicacións de Google que o alumnado terá á súa disposición, de forma gratuíta, para o desenvolvemento das súas actividades escolares.
A sinatura e marcación da casilla correspondente no impreso de matrícula física implica a aceptación da política de uso de Google Workspace for Education, a autorización para crear ao/á alumno/a unha conta corporativa no dominio do instituto e a aceptación expresa de todas as condicións expostas nesta sección, incluíndo a información relativa á política de privacidade, ao tratamento dos datos persoais e ás condicións do servizo recollidas máis abaixo mediante as ligazóns oficiais correspondentes.
Como autorizar o uso?
O Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) esixe o consentimento expreso das persoas proxenitoras ou titoras legais para o tratamento dos datos persoais do alumnado menor de idade.
A marcación e sinatura do recadro correspondente no impreso oficial de matrícula implica a autorización para a creación e uso da conta de Google Workspace for Education, así como a aceptación expresa do tratamento dos datos persoais nos termos recollidos nas condicións do servizo e na política de privacidade, accesibles nesta mesma páxina web mediante as ligazóns oficiais.
O consentimento poderá revogarse en calquera momento solicitándoo por escrito ao centro, o que implicará a desactivación da conta educativa.
Responsabilidade do tratamento de datos
O IES San Mamede actúa como responsable do tratamento dos datos do alumnado. Google actúa como encargado do tratamento no marco das condicións contractuais de Google Workspace for Education (incluíndo o Acordo de Procesamento de Datos - DPA).
Uso dos datos e seguridade
O IES San Mamede proporciona datos básicos (nome, apelidos e curso) para crear a conta institucional do alumnado.
Sen publicidade e con fins educativos
Importante: nos servizos principais de educación, Google non serve publicidade nin utiliza os datos do alumnado con fins comerciais.
Política de privacidade e máis información
Aviso de Privacidade
Explica especificamente como se protexen as contas educativas, cun nivel de privacidade máis estrito que o das contas persoais.
Ler Aviso de PrivacidadePolítica de Google
Recollen as normas xerais que aplican a Google como empresa e aos seus servizos de forma global.
Ler Política XeralCondicións de Servizo
Establecen o marco legal de uso de Google Workspace for Education, incluíndo as condicións aplicables e o Acordo de Tratamento de Datos.
Ler Condicións de ServizoPara calquera dúbida técnica, cuestión relativa á xestión dos datos ou se desexa exercer os seus dereitos en materia de protección de datos, pode contactar coa administración do centro no seguinte enderezo: ies.san.mamede@edu.xunta.gal
A aceptación no impreso de matrícula implica estar de acordo coas seguintes condicións de uso da gabeta:
- O centro, ao comezo de curso, porá a disposición do/a alumno/a unha gabeta para que garde o material escolar.
- O/a alumno/a comprométese a facer bo uso dela e mantela en bo estado , evitando pegar adhesivos, realizar pintadas, ou calquera outra acción en detrimento do seu estado.
- De existir algún dano imputable ao/á usuario/a da gabeta, deberá aboalo antes da finalización do curso.
- O/a alumno/a aboará 2€ no momento de formalizar a matrícula en 1º ESO.
- Nos seguintes cursos aboará 2€ en caso de perda da chave ou 6€ en caso de rotura da fechadura .
Información sobre protección de datos persoais
Información aplicable ao conxunto dos datos recollidos no proceso de matrícula.
Xunta de Galicia. Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A tramitación administrativa derivada da xestión desta matrícula, así como a xestión académica e administrativa do alumnado durante a súa escolarización no centro.
O cumprimento dunha tarefa realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme á normativa vixente. Así mesmo, cando proceda, o tratamento basearase no consentimento das persoas interesadas.
As administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos procedementos. Así mesmo, poderán comunicarse datos a entidades públicas ou privadas cando sexa necesario para a prestación de servizos relacionados coa actividade educativa (comedor, transporte escolar, actividades complementarias e extraescolares), conforme á normativa aplicable.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos na Secretaría do IES San Mamede.
Pode consultarse información ampliada sobre protección de datos na seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos