Observa_Acción

O noso centro está entre os elexidos para participar no programa de formación “Observa_Acción: Desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais” durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

O programa Observa_Acción ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, a construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

O contido do programa está baseado na formación docente dende o punto de vista da observación entre iguais, da reflexión individual e/ou grupal dos propios docentes, do intercambio de boas prácticas e da implementación do aprendido na aula dos docentes participantes.

O programa Observa_Acción terá unha duración de dous cursos académicos e desenvolverase en catro fases (dúas en cada ano lectivo) que se detallan a continuación:

  • Observa_Acción – Fase Intracentros (Comparte). A primeira fase deste programa realizarase entre docentes do mesmo centro educativo. Consistirá na observación da práctica docente e xestión da aula, así como no intercambio de información e posterior reflexión conxunta sobre a observación da práctica docente.
  • Observa_Acción – Fase Intercentros (Acolle). A segunda fase está dirixida a equipos de docentes de varios centros de todo o ámbito da comunidade autónoma de Galicia. Cada centro terá outro asignado co que intercambiará boas prácticas docentes durante un máximo de 2 días, mentres actuará como mentor e observador, compartindo, colaborando, reflexionando, observando e formándose mutuamente
  • Observa_Acción – Fase Estatal (Conecta). Trátase dunha fase de colaboración entre diferentes comunidades autónomas adheridas ao plan de Observa_Acción.
  • Observa_Acción – Fase Europea (Internacionaliza). A última fase do programa consistirá nunha experiencia de Observa_Acción visitando un centro educativo dun dos países socios europeos. Esta fase permitirá entrar en contacto coa realidade diaria dun sistema educativo nun contexto internacional.
Comparte a páxina nas redes